Máis de 2.300 pacientes da área sanitaria utilizan os servizos interactivos do Sergas
Por Redacción
Un total de 2.360 pacientes da área sanitaria Pontevedra e O Salnés adheríronse á plataforma dixital É-Saúde, que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado a Internet.
Diariamente conéctanse a esta ferramenta do Servizo Galego de Saúde entre 2.500 e 3.500 usuarios en toda Galicia para consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos e informes de TAO (sintróm), alta, probas diagnósticas, calendario de vacinacións infantís, entre outras prestacións. Fano directamente dende o seu móbil, ordenador ou tablet con conexión a Internet e dende calquera punto da xeografía.
É-Saúde tamén permite que os pais e titores de nenos menores de idade ou os representantes legais ou persoas expresamente autorizadas polo paciente no caso dos maiores, accedan no nome dos titulares aos servizos telemáticos personalizados que se ofrecen neste dispositivo.
Un total de 44 pacientes de Pontevedra e O Salnés solicitaron ese acceso delegado, que posibilita xestionar de modo máis directo e áxil os procesos de saúde a través dunha terceira persoa autorizada para o efecto.
É-Saúde tamén permite acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais de maneira que o paciente, dende o propio móbil, poida consultar cando ten que recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica ou facer as actividades de promoción da saúde que tivera programado.
Poden facerse usuarias de É-Saúde as persoas que reciban asistencia sanitaria pública en centros da área sanitaria e que dispoñan de tarxeta sanitaria do Sergas. Para facelo, deben acceder á páxina web da plataforma e crear unha conta cubrindo un formulario.
Para garantir a seguridade de datos persoais e clínicos, algunhas das funcionalidades só están dispoñibles se se accede cun nivel de seguridade alto, validando a identidade a través do DNI electrónico, o certificado da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre ou o sistema CHAVE 365.