Un curso de viticultura incorpórase ao proxecto ILES de formación de emprego para a mocidade
Por Redacción
A partir de setembro iniciarase a selección de participantes no sexto proxecto de Iniciativa Local de Emprego Social (ILES) co obxectivo de que menores de entre 16 e 30 anos reciban unha formación que lles permita acceder a un posto de traballo.
A concelleira Anabel Gulías e o director do Iles en Pontevedra, Fran López, presentaron os cursos deste ano que se caracterizan por unha combinación de propostas de formación online coa presencial, que se impartirá no Pazo da Cultura. Unha decisión que, segundo Anabel Gulías, realízase para dotar de maior actividade matinal a estas instalacións.
Estes cursos, que contan con financiamento estatal e europeo, céntranse en atención a persoas dependentes, auxiliar de almacen, ademais dos presenciais de monitor de lecer e tempo libre e viticultura. Esta formación, que durará un ano, vai destinada a persoas sen emprego que terán que superar a fase teórica para realizar prácticas profesionais en empresas. Os alumnos seleccionados recibirán unha axuda de 15 euros diarios. Os cursos presenciais dividiranse en 350 horas teóricas e 150 prácticas, mentres que os online contarán con 420 horas teóricas. Tamén se convocan nove cursos complementarios de diferentes temáticas como a introducción a TICS ou inglés. O profesorado, seleccionado polo Concello, está composto por profesionais con experiencia en empresas que poidan ofrecer unha formación desde un punto de vista práctico.
Segundo expuxo Fran López na quinta edición a porcentaxe de inmersión laboral alcanzou a 37% fronte ao 52% da anterior edición. Os interesados poden solicitar información na Casa da Luz, situada na praza da Verdura.
O proxecto conta cun orzamento de máis de 450.000 euros e está destinado á formación de 450 persoas.