Lidia Senra denuncia en Europa que na Illa de Ons se fan desaugadoiros directos ao mar sen depurar
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A eurodeputada galega de AGE Lidia Senra denunciou ante a Comisión Europea o mal funcionamento da estación depuradora da Illa de Ons e que se seguen producindo desaugadoiros directos ao mar.
Senra recolle as demandas do persoal da Illa que asegura que, a pesar de levar varias obras de mellora na estación depuradora, segue funcionando de forma insuficiente. Segundo asegura, o problema coa depuradora vense arrastrando desde hai máis dunha década, con varias melloras que son insuficientes.
Ante esta situación, Senra pídelle á CE que se pronuncie sobre o tema, instándoa a que se interese ante as autoridades do Estado español e da Xunta para solventar esta situación.
A eurodeputada, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), decidiu levar o tema á Comisión Europea co fin de que o ente comunitario valore como se están a investir os fondos europeos, pois a última mellora da depuradora, do ano 2014, foi financiada nun 80% por fondos Feder.
O escrito dirixido á CE presentouse esta semana e explica que a Illa de Ons está situada na área protexida do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e dentro da Rede Natura 2000, incluíndo a zona ZEPA ES00000254 da Directiva de Aves 79/409/CEE e a Zona Especial de Conservación ZEC ES40004.
A Comisión Europea debería dar resposta a este escrito nun prazo de entre 4 e 6 semanas.