O Concello non tramitará a moción de Cidadáns sobre os contratos menores ao invadir as súas competencias
Por Alejandro Espiño
A pesar de ser aprobado pola corporación, co voto de toda a oposición, o goberno municipal acordou non tramitar a moción na que Cidadáns pedía unha maior transparencia na xestión dos contratos menores licitados polo Concello. O BNG entende, en base aos informes técnicos, que invaden competencias da Xunta de Goberno.
A moción de Cidadáns, entre outras cuestións, demandaba a posta en marcha dun rexistro ás que se lles fixese chegar todas as ofertas de contratos menores para que puidesen acceder a eles todas as empresas do municipio interesadas, elaborando un protocolo que unifique os criterios de tramitación.
Para o Concello non procede aceptar esta moción porque, en primeiro lugar, o pleno non pode "menoscabar" as competencias do goberno nin "entorpecer" a súa acción, especialmente cando "o que se pretende é prexudicar os intereses dos cidadáns de Pontevedra".
Este acordo plenario, segundo o BNG, "non busca mellorar" a xestión pública senón "obstaculizar" a acción de goberno, polo que entenden que "non ten ningún efecto".
Ademais, o goberno municipal asegura que tramitar esa iniciativa supoñería incluír unha maior burocracia no funcionamento da administración, "procedendo a retardala e impedindo que as necesidades dos cidadáns se satisfagan en pouco tempo".
Tamén sinala que provocaría un gasto polo necesario incremento de persoal, xa que co persoal actual "non sería posible" cumprir con estes trámites.
Por iso, o Concello mantén que defenderá as súas competencias e, ao acreditar os técnicos que o acordo adaptado non é vinculante, rexeita unha medida que, segundo a súa interpretación, prexudicaría de "forma grave" o funcionamento do goberno.
A pesar de todo, o goberno municipal reitera que o Concello está a adoptar medidas para mellorar a transparencia e publicidade da súa xestión, destinando máis medios materiais e humanos a esta materia, especialmente en cuestións de contratación pública.
Relacionadas:
-
María Rey considera "intolerable" que o goberno de Lores non tramite a moción que lle pedía máis transparencia
Por Redacción |
-
Acordo político para regular os plenos a partir de setembro
Por Alejandro Espiño |
-
Cidadáns pide maior transparencia na xestión dos contratos menores do Concello
Por Redacción |