Agárdanse poalleiras ocasionais nas Rías Baixas durante os vindeiros días
Por Redacción
Este xoves debilítanse as condicións anticiclónicas co achegamento dunha fronte, segundo a información facilitada polo servizo de MeteoGalicia. Espéranse ceos cubertos con orballos ou choiva débil na zona oeste de Galicia. As temperaturas mínimas manteranse sen cambios situadas sobre os 14 graos mentres que as máximas descenderán ata os 25. O vento soprará de compoñente oeste nas Rías Baixas.
Durante o venres, o anticiclón dos Azores entrará de maneira débil sobre Galicia, pero persistirá unha borrasca ao oeste de Irlanda que influirá achegando unha fronte que afectará o litoral atlántico. Os ceos presentarán nubes nas Rías Baixas, sen descartar algún orballo, sobre todo, durante a noite. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente mentres que as máximas manteranse igual, entre os 18 e os 24 graos.
Tras o paso dun sistema frontal durante a madrugada e primeiras horas do día do sábado 29, os ceos iranse abrindo e as nubes irán a menos a medida que avance a xornada. As Rías Baixas contarán con ceos nubrados e mesmo a posibilidade dalgún orballo. As temperaturas manteranse sen cambios. O vento soprará do suroeste frouxo.
A partir do domingo, a situación meteorolóxica será bastante cambiante e insegura, con alternancia de nubes e claros, ademais da posibilidade dalgunha poalleira no litoral. As temperaturas manteranse entre os 16 e os 24 graos.
Ao longo da primeira semana de agosto espérase un incremento da sensación térmica coa presenza dun anticiclón.