Ponte Caldelas resolve os problemas de asolagamento en Chan da Casal, en Xustáns
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas acaba de acometer o arranxo e pavimentación dun camiño de terra moi transitado polos veciños de Chan do Casal, en Xustáns, atendendo unha das peticións veciñais.
A actuación no lugar de Chan do Casal inicialmente consistía nun simple acondicionamento de superficie, pero ampliouse para deixar os problemas de asolagamento resoltos definitivamente.
Os operarios municipais traballaron durante varios días no recheo con pedra de canteira das partes máis febles do trazado. Despois de nivelar o terreo, procedeuse a esparexer formigón tratado para deixar a superficie lisa.
O tramo acondicionado ten preto de 100 metros e comunica diversas vivendas, así como terras de labor, polo que é frecuente o paso de maquinaria agrícola.
No punto máis baixo, a carón dun antigo pío de lavar a roupa, construíuse unha canle de auga en pedra para recoller a baixante dun rego e cruzouse no camiño a través dunha grella, desaugando así correctamente e evitando a formación dunha balsa que impedía o paso durante moitos meses do ano.