Medio millón de euros para proxectos de 119 entidades sen ánimo de lucro da provincia
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acaba de conceder 119 subvencións a entidades sen fins de lucro da provincia para realización de proxectos do ámbito dos servizos sociais, sociosanitarios e da xuventude.
A Xunta de Goberno da institución provincial deste venres aprobou a concesión das axudas, que suman un valor total de 490.887,03 e financian actividades a realizar durante este ano 2017.
Entre outros, os concellos con entidades beneficiarias son Bueu (1), O Grove (1), Marín (2), Meis (1), Moraña (1), Pontevedra (12), Sanxenxo (1), Vilagarcía de Arousa (9) e Vilanova de Arousa (2).
Entre os proxectos subvencionados atópanse iniciativas dirixidas ao fomento da inclusión social de persoas con enfermidade mental crónica, unidades de apoio para a inserción laboral de persoas con diversidade funcional, centros de día no medio rural, axudas para o pago de alugueres, hipotecas e alimentación a familias con baixos recursos ou reparto de alimentos.
A listaxe de actuacións que reciben axudas tamén inclúe terapias con animais para persoas con necesidades especiais, intervencións asistidas con cans para persoas maiores, explotación de hortas ecolóxicas como terapia para persoas con trastorno do espectro autista, obradoiros de musicoterapia, rehabilitación cognitiva con novas tecnoloxías en saúde mental ou servizos de fisioterapia para persoas con diversidade funcional, entre outras.