Medio millar de comensais apúntanse ao XantaCaldelas
Por Redacción
O XantaCaldelas, a xornada de convivencia entre a veciñanza e os emigrantes que volven a Ponte Caldelas durante o verán, estréase este domingo con máis de 500 persoas que xa teñen reservada a súa praza.
Esta primeira edición xurdiu ao aceptarse a idea formulada por colectivos de emigrantes ao Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) que demandaban un evento popular que servise para reencontrarse cos veciños que hai tempo que non ven. A data escollida foi este domingo, día 6 de agosto.
Consistirá nun xantar a cargo dun restaurador e cun menú a base de entrantes de empanada e embutidos ibéricos, primeiro prato de polbo á galega, segundo prato de richada con cachelos, postre e café, ademais da bebida. A animación musical estará a cargo do trío Extra. Todo a un prezo de 10 euros.
O prazo de inscrición rematou o día 31, pero nestes últimos días se están a recoller as últimas atendendo ás peticións de varias persoas que pediron facer o pagamento despois do día 1. As solicitudes recóllense no Concello e o ingreso débese realizar na oficina de Abanca.