Arranxan un camiño veciñal en Caritel ao que non podían acceder as ambulancias
Por Redacción
Un veciño con problemas de saúde de Caritel viu solucionado o problema de acceso das ambulancias á súa vivenda. Esta persoa demandara a mellora dun camiño veciñal que se atopaba en moi mal estado para que as asistencias sanitarias puidesen ter acceso á súa vivenda.
O goberno municipal de Ponte Caldelas redactou un proxecto e decidiu acometer os traballos dentro da contratación dun paquete de obras de melloras en concexiones veciñais. Unha vez finalizados todos os trámites administrativos, un procedemento que se atrasou debido aos permisos requiridos para Augas de Galicia, a mellora finalizaba esta semana.
O alcalde do goberno tripartito, Andrés Díaz acudía ata a zona para comprobar que se resolveu este problema que sufría a zona desde hai anos. O camiño conecta perpendicularmente coa estrada autonómica en pleno centro de Caritel e conta cunha lonxitude superior aos 100 metros. Dá acceso a dúas vivendas, unha delas, a do afectado, só ten esta vía de comunicación.
Os operarios aplicaron unha capa de aglomerado asfáltico tras consolidar o antigo pavimiento de terra, que fora parcheado en varias ocasións.