Libera propón que Ponte Sampaio se habilite como a primeira praia fluvial de Galicia 'apta con animais'
Por Redacción
A asociación animalista Libera propón que o Concello aproveite as obras de ampliación e reforma dos equipamentos que ten previstas en Ponte Sampaio para habilitar parte da praia fluvial como 'zona accesible con animais'.
De facerse efectiva a idea, Pontevedra dispoñería da primeira praia fluvial de Galicia 'apta con animais', que atraería turistas e fomentaría a convivencia responsable entre os veciños. Impulsaríase unha nova fórmula de respecto.
O colectivo animalista explica que o procedemento para declarar unha zona accesible con animais debe comezar pola elaboración dun decálogo de normas e dereitos que debe cumprir calquera persoa que acceda cun can, tales como realizar unha estancia libre de residuos, evitar problemas convivenciales con outros usuarios do areal ou manter ao animal no espazo delimitado.
A continuación, o Concello debería fixar un calendario para crear o areal accesible, evitando aquelas semanas de maior afluencia e comezando por datas como xuño e setembro.
A proposta do colectivo ten un dobre obxectivo. Por unha banda, crear unha Pontevedra máis amigable cos animais con políticas e medidas activas para fomentar a súa protección e benestar, e por outra, comezar a destruír a imaxe que cren que ten a cidade do Lérez como base dos malos tratos, centrado, segundo o colectivo ecoloxista, nas corridas de touros, pero tamén no continuado uso de seres vivos nas súas festas.