O pub de Sanxenxo que non medía o seu ruído está sentenciado: sete meses de peche
Por Redacción
A Xerencia Municipal de Urbanismo de Sanxenxo resolveu clausurar durante sete meses a actividade do pub da rúa Fuensanta Rodríguez expedientado pola falta reiterada de recepción dos datos emitidos polos aparatos de control de son e que previamente xa foi suspendido de actividade en dúas ocasións.
O Concello impúxolle finalmente unha falta tipificada como moi grave na ordenanza municipal de protección do medio contra a contaminación acústica. Ademais, a Administración local imponlle ao titular deste establecemento de ocio nocturno unha multa de 15.000 euros.
O procedemento sancionador incoouse tras constatar no sistema de vixilancia automática de actividades do Concello de Sanxenxo a falta reiterada de recepción dos datos emitidos polos aparatos de control de son, consistentes na actividade sonora sen funcionamento do limitador e do rexistrador e a non continuidade das mensaxes durante o período que vai dende o 25 de agosto ao 17 de decembro do pasado ano.
Previamente, o local xa fora obxecto de dúas suspensións preventivas da súa actividade mentres o seu responsable non acreditou o correcto funcionamento dos equipos de son mediante informe técnico, polo que no proceso sancionador aberto o feito se tipificou como moi grave, tal e como establece a normativa local para os casos de reincidencia en dous ou máis faltas graves no prazo de doce meses.
Tras notificar a principios de marzo a proposta de resolución do expediente ao responsable do pub, este solicitou a declaración de nulidade do procedemento e o seu arquivo alegando a inexistencia de probas que acrediten a comisión da infracción. Non obstante, o informe xurídico municipal recorda que o interesado "ten copia e pode comprobar a Acta de Constancia de Feitos, realizada polo Sistema de Vixilancia Automática de Actividades Clasificadas, na que redan reflectidas todas ás incidencias e a hora de realización".
Tamén defende o representante do establecemento sancionado que os feitos non poden considerarse como moi graves, argumento que bota por terra o departamento local de Disciplina Urbanística ao citar os artigos da ordenanza municipal relativos á tipificación das faltas.
Por todo iso, a Administración sanxenxina desestima as alegacións presentadas e confirma a proposta de resolución.
Relacionadas:
-
O Concello de Sanxenxo expedienta 5 locais de ocio por superar o horario máximo de peche
Por Redacción |
-
Sanxenxo expedienta a outros catro locais de lecer nocturno por exceder o horario de peche
Por Redacción |
-
Sete meses afastado da movida nocturna de Sanxenxo por non controlar os seus ruídos
Por Redacción |
-
Sanxenxo abre expediente a un pub por incumprir a normativa de contaminación acústica
Por Redacción |