A devoción pola Virxe Peregrina inunda as rúas de Pontevedra
Miles de persoas acompañaron na rúa á imaxe da Virxe Peregrina que este domingo, como é tradición, protagonizou a procesión da Peregrina na segunda xornada da semana grande das festas que levan o seu nome.
A procesión saíu da praza da Peregrina e percorreu as rúas Michelena, Gutiérrez Mellado, Marqués de Riestra, Oliva, García Camba e Peregrina.
Subida na súa habitual carroza branca, a imaxe da virxe vestiu de novo o seu manto orixinal, de cor azul e bordado en ouro, recuperado o pasado ano.
Numerosos devotos portando velas acompañaron á virxe no seu percorrido, do mesmo xeito que a banda da Brilat e a Banda de Música de Salcedo, entre outros, e numerosas autoridades políticas.
Xunto coa procesión, os fieis puideron gozar coa representación da vistosa danza gremial das cintas, unha tradición do século XVIII que, ano tras ano, interpreta a agrupación Duos Pontes con motivo desta celebración relixiosa.
OFRENDA MATINAL
Pola mañá, a deputada socialista Digna Rivas foi a encargada de realizar a tradicional ofrenda á patroa da provincia á que dixo chegar como "unha peregrina máis" para representar a todos os veciños de Pontevedra e solicitar a intercesión e protección da virxe "ante os retos que se nos presentan cada día".
Así, Rivas pediu á Virxe Peregrina que "camiñes con nós para que as mulleres, que somos máis do 52% da poboación do mundo, teñamos as mesmas oportunidades que os homes" como paso para erradicar a lacra da violencia machista "que está a ocasionar tanta dor, tanto sufrimento e tantas mortes".
Tamén solicitou a súa intervención para eliminar as desigualdades, que as persoas máis vulnerables sexan protexidas, que as persoas maiores sexan respectadas, que haxa oportunidades para a xente moza, que se solucionen as consecuencias das catástrofes naturais e que en vez de guerras se arranxen os conflitos a través do diálogo e da paz.
A deputada incluíu nas súas peticións protección para os refuxiados, todas as persoas que, "por razóns políticas, relixiosas ou de calquera outra índole se ven forzadas a escapar do seu país de orixe para buscar refuxio noutro lugar" e que, ao igual que aconteceu no noso país durante a ditadura franquista, "sofren auténticas penurias no seu éxodo".