Operativo especial de seguridade con motivo dos fogos de artificio
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra preparou un operativo especial de seguridade para a tirada dos fogos de artificio desde o Peirao de Corbaceiras previsto para este martes 15 de agosto, a partir das 23.30 horas. Neste operativo participa a Policía Local; Protección Civil, servizos sanitarios e técnicos en pirotecnia.
Pecharase o tráfico rodado desde as 23.30 horas na contorna do Peirao de Corbaceiras ata que finalice a tirada. Desta forma, o tráfico procedente de Marín terá un desvío pola rúa Manuel de Palacio para acceder á cidade.
A circulación procedente de Paseo Colón desviarase pola rúa Monteleón cara á avenida de Uruguai. Os vehículos procedentes da avenida de Uruguai serán desviados pola rúa Jofre de Tenorio e os que circulen pola rúa dos Peiraos serán desviados pola Ponte Nova e Palamios.
O tráfico de saída cara a Marín recoméndase que leve a cabo por José Malvar. Os vehículos que circulen pola Avenida de Uruguai cara á avenida de Marín serán desviados na rotonda de Uruguai - A Barca cara á avenida de Buenos Aires e José Malvar.
Tamén se establecerá un perímetro de seguridade para as persoas nas inmediacións do punto de tirada dos fogos. A Policía Local reclama dos asistentes que respecten os valos de seguridade instaladas nesa zona.