Ramón García presentará este xoves "La tarde" da Cadena COPE desde Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Hai apenas tres semanas, dúas estrelas da radio como Carlos Herrera e Julia Otero facían os seus programas en directo desde Pontevedra. E como din, non hai dous sen tres. Así que esta semana será a quenda de Ramón García. La tarde, que o popular presentador e locutor conduce diariamente en COPE, aterra na nosa cidade.
Emitirase en directo desde o Café Moderno o vindeiro xoves 4 de abril. Será un programa que, como é habitual, emitirase entre as 15.00 e as 19.00 horas, e no que Ramón García estará acompañado dalgúns dos seus colaboradores máis coñecidos.
La tarde de COPE terá este xoves, polo tanto, un marcado protagonismo pontevedrés, con reportaxes, entrevistas e noticias relacionadas con Pontevedra e a súa área de influencia.
Ademais, Deportes COPE Galicia, o programa deportivo que presentan os xornalistas Germán Dobarro e Marco Antonio Sande de luns a venres de 15.20 a 16.00 horas, tamén se emitirá en directo desde o Café Moderno.
A entrada para poder asistir en directo a ambos programas é libre ata completar aforo.
La tarde de COPE, que Ramón García presenta desde o pasado mes de setembro, é un dos programas de radio máis exitosos do noso país. Segundo o último EGM, é escoitado diariamente por unhas 227.000 persoas.