Alta demanda para o parking superior do porto deportivo
Por Redacción
Desde a posta en funcionamento do parking superior do porto deportivo de Sanxenxo produciuse unha alta demanda por parte dos condutores.
Así o reflicten as estatísticas recollidas polo Concello, xa que desde o pasado 4 de agosto e en só 16 días aparcaron no lugar un total de 5.326 coches.
A hora punta de uso foron as noites, de 23:00 a 1:00 horas aproximadamente, coincidindo co momento no que os visitantes gozan da cea ou dun paseo pola zona, sendo o día de máis afluencia o pasado 13 de agosto con 596 vehículos.
Este aparcadoiro, que agora permanecerá pechado ata o final das festas patronais, só se habilitou nos momentos no que o inferior se atopaba totalmente cheo, algo que ocorreu todos os días desde a súa apertura.
Esta alta ocupación fai que se estime en 14.000 euros a recadación que achegou a apertura da planta superior do parking durante os primeiros días de agosto.