Prevista a pavimentación dos aparcadoiros do Pazo da Cultura e da Policía Local
Por Anxo Lourido
En setembro comezarán as obras de mellora da rúa Alexandre Bóveda e da contorna. Este mércores, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, presentou as obras que buscan facilitar a mobilidade peonil e o acceso á zona dos centros educativos da Xunqueira e do Pazo da Cultura.
Desta forma, por unha banda acometerase a pavimentación do aparcadoiro do Pazo da Cultura, un dos disuasorios de Pontevedra, e o da Xefatura da Policía Local situado nun extremo do recinto do Pazo. Demetrio Gómez sinalou que ademais o aparcadoiro lindeiro co Recinto Feiral emprégase como escenario exterior de eventos como o Culturgal.
Ampliarase a beirarrúa pegada ao aparcadoiro, que pasará a medir preto de tres metros de ancho, ao eliminarse o céspede actual que limita coa zona de estacionamento.
Tamén se utilizará formigón para establecer unha senda que foi realizada polos peóns no extremo que linda coa zona da avenida de Compostela. Ao mesmo tempo está previsto que esta obra leve a cabo a renovación de servizos do Pazo da Cultura cunha nova canalización da auga e o arranxo da conexión para o desaugadoiro dos baños do Recinto Feiral.
As obras foron adxudicadas á empresa EC Casa e contan cun orzamento de 241.000 euros.
CAMPO DE FÚTBOL DE GATOMORTO
Doce empresas presentáronse para levar a cabo as obras do campo de fútbol de herba sintética de Gatomorto, na parroquia de Santa María de Xeve.
O proxecto sae a licitación por 971.479 euros, segundo informou o concelleiro Demetrio Gómez. No prego de contratación inclúense melloras a avaliar por outros 110.000 euros, coa posibilidade de que a concesionaria asuma o mantemento do céspede por un tempo, ademais doutras obras para o campo como un portalón de peche ou equipamentos deportivos.
O terreo de xogo será de 105x63 metros, que permite competicións deportivas de fútbol 11 e de dous de fútbol 7. Construiranse catro vestiarios para xogadores e dous para árbitros. O campo cumprirá os requistos esixidos pola FIFA para ser de competición oficial. O prazo de execución é de seis meses.
Relacionadas:
-
"Lavado de cara" para o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral en 2018
Por Alejandro Espiño |
-
Pechan ao tráfico un carril de Alexandre Bóveda por obras
Por Redacción |
-
Catro novas obras, en marcha a próxima semana en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Sacan a licitación a construción do novo campo de futbol de Xeve
Por Redacción |
-
Ultiman os proxectos dos campos de fútbol de Cerponzóns e Santa María de Xeve
Por Alejandro Espiño |