Sanxenxo presume do seu investimento nas garderías municipais
Por Redacción
As garderías municipais do Tombo, en Sanxenxo, e O Revel, en Vilalonga, son motivo de orgullo para o Concello.
Concretamente o goberno local saca peito de ser o municipio de Galicia que destina máis recursos propios ás súas garderías tendo en conta o número de nenos matriculados e a súa poboación.
Isto é así, aseguran, debido á achega municipal de 370.000 euros anuais para o mantemento dos centros, polos 57.000 euros que achegan as familias e os 54.000 euros de axudas da Xunta de Galicia.
En Sanxenxo, a diferenza dalgúns concellos, as garderías permanecen abertas os 12 meses do ano para axudar na conciliación das familias que traballan no sector turístico durante os meses de verán.
O Tombo e O Revel prepáranse xa para comezar un novo curso o próximo 1 de setembro, no que xa están matriculados 113 nenos e nenas aos que se sumarán nos próximos meses os recentemente nados.
Nestas garderías municipais as familias pagan unha cuota en función da súa renda, cunha tarifa máxima de 160 euros (230 euros co comedor). Desta forma 28 familias non pagan nada por levar aos seus fillos ao centro, 71 familias abonan entre 16 e 100 euros e outras 24 entre os 100 euros e a cota máxima de 230 euros.