Haberá cortes de tráfico na Ponte dos Tirantes polo remate das obras
Por Redacción
O proxecto de mellora da accesibilidade e seguranza viaria no ámbito da Ponte dos Tirantes chega ao seu fin coa execución dos remates das zonas verdes e tamén coa construción dos pasos de peóns elevados nas entradas e saídas da ponte.
Estes últimos traballos comezarán o martes pola mañá, a partir das 10.00 horas respectando o horario de entrada aos centros escolares, e prolongaranse durante toda a semana.
O martes a obra realizarase no sentido de entrada á cidade (Ponte dos Tirantes-Praza de Barcelos), sen ter que cortar o tráfico: primeiro farase o paso elevado nun carril e os vehículos canalizaranse polo do lado, e ao remate será á inversa.
Xa pola tarde, toda a Ponte dos Tirantes pecharase ao tráfico para adiantar os traballos aproveitando que a afluencia de vehículos é menor. Este peche durará toda a tarde, e abrirase pola noite. Todo o tráfico será canalizado pola Ponte de Santiago.