Rescatan unha egua con síntomas de malos tratos e desnutrición en Armenteira
Por Redacción
A Garda Civil investiga penalmente un veciño do municipio de Meis, E.S.B., de 68 anos, por un presunto delito de malos tratos animais, como suposto responsable do deplorable estado de abandono dunha egua da súa propiedade, que foi rescatada polo Seprona con evidentes síntomas de malos tratos e desnutrición.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, os feitos sucederon a pasada fin de semana cando o persoal do refuxio de animais de Cambados informou á patrulla do Seprona da Garda Civil de Vilagarcía do achado dunha egua en mal estado, nas proximidades da Armenteira.
Coa estreita colaboración dos voluntarios da protectora de animais, os efectivos do Seprona conseguiron capturar ao animal que a primeira ollada presentaba un delicado estado de desnutrición pola súa extrema delgadez.
Ao mesmo tempo, púidose comprobar que eran ostensibles as feridas abertas que tiña o animal na cabeza e as lesións que presentaba nos ollos, con gran presenza de moscas e outros parasitos.
Ante esta lamentable situación hixiénico-sanitaria, a carencia de identificación do animal, xa que non dispoñía de chip, e o risco que podería supoñía para a circulación rodada dos viais próximos, optouse por desprazar á egua e depositala preventivamente nun terreo xestionado polo refuxio de animais de Cambados, onde está a recibir asistencia veterinaria.
Simultaneamente, a patrulla do Seprona da Garda Civil levou a cabo as investigacións pertinentes ata que se puido lograr a identificación do propietario da egua que, ademais de ser informado de todo o acontecido, notificóuselle a súa condición de investigado como suposto autor dun delito de malos tratos animais, do que coñece o Xulgado de Instrución de Caldas de Reis.
Ao mesmo tempo, a este veciño de Meis formuláronselle dúas denuncias administrativas ante as autoridades competentes da Xunta de Galicia, por non ter o animal o chip de identificación e carecer da preceptiva cartilla sanitaria.
A Garda Civil, que neste caso concreto eloxia a colaboración de todo o persoal que traballa no refuxio de animais de Cambados, pon de manifesto, unha vez máis, que en todas as investigacións é fundamental a colaboración cidadá, que de maneira incesante comunica á Garda Civil multitude de datos e que se desenvolve principalmente a través do teléfono 062, do portal da internet "Colabora" deste corpo e dos perfís oficiais nas redes sociais do mesmo.
Relacionadas:
-
Sacrifican un cabalo que o seu dono tiña desnutrido e moribundo nun cortello de Barro
Por Redacción |
-
Tres veciños de Campañó, investigados por ter cans en condicións "deplorables"
Por Redacción |
-
Piden substituír o uso de animais na Feira Franca por "ética"
Por Oskar Viéitez |
-
Deteñen un home por maltrato animal ao atoparlle na súa leira 15 cans en situación deplorable
Por Redacción |
-
Piden que Marín prohiba os circos con animais
Por Redacción |
-
Aparecen varios cans mortos en Ponte Caldelas con brutais signos de violencia
Por Redacción |