O PP di que Portos reformará o porto de Raxó "cando o bipartito comunique a ubicación da depuradora"
Por Oskar Viéitez
A voceira do Partido Popular para a parroquia de Raxó, Tamara González, di que Portos de Galicia executará o proxecto integral do porto de Raxó "cando o bipartito comunique a ubicación da depuradora"
Segundo a concelleira popular, a orde de actuacións de Portos de Galicia en Samieira e Raxó determinouse en coordinación co Concello de Poio e estase a realizar conforme se estableceu na mesa de traballo, da que tamén forman parte, ademais dos entes local e autonómico, colectivos das dúas parroquias: unha primeira actuación no porto de Raxó –a pasarela peonil-, unha segunda en Samieira –a contorna da ponte do Covelo- e un terceiro investimento que será en Raxó porque así o consensuaron Portos e o Concello.
"É unha planificación moi clara que se está cumprindo. En primeiro lugar construiuse a pasarela peonil, cun investimento de máis de 100.000 euros. A continuación humanizouse a contorna da ponte do Covelo e mellorouse o acceso, investindo case 200.000 euros. E a seguinte obra será o proxecto integral do porto de Raxó", explicou González.
"O que está claro é que quen ten paralizada a actuación en Raxó é a incompetencia do bipartito de Poio", dixo Tamara González "porque para que se comece esa obra é preciso que comuniquen primeiro a ubicación da depuradora".
A edil do PP pasou a explicar a actuación prevista en Raxó. "A seguinte fase consiste en levantar toda a rúa, cambiar as canalizacións e facer un sistema de saneamento e separación de residuais, un investimento de Portos de máis dun millón e medio de euros que esixe saber donde será a depuración das augas residuais", sinalou.
"Desde o primeiro momento Portos deixou claro que para comezar esa fase necesitan saber a ubicación da depuradora", dixo González. "A Xunta foi taxante con que non se poden investir eses importes sen saber donde ten pensado o Concello facer a Edar. Esa postura da Xunta é coñecida desde hai moito tempo polo concello e pola comisión de seguemento. Os responsables de Portos dixeron por activa e por pasiva que en canto o concello diga a ubicación da EDAR comezarán os trámites para a obra".
Relacionadas:
-
Poio esixirá nos tribunais que a Xunta constrúa a depuradora en Pampaído
Por Alejandro Espiño |
-
O PP de Poio convida o PSdeG a "informarse de primeira man" sobre as obras de Portos de Galicia en Raxó e Covelo
Por Redacción |
-
O PSOE ve "sectarismo" na xestión de Portos de Galicia para as dársenas de Raxó e Covelo
Por Redacción |
-
O goberno local de Poio séntese vítima de complot, vendetta e chantaxe
Por Oskar Viéitez |