O porto de Vilagarcía bate en agosto o seu récord histórico de tráfico mensual de mercadorías
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O porto de Vilagarcía acaba de superar neste mes de agosto o seu mellor rexistro histórico de movemento de mercadorías nun mes. Concretamente, foron 150.272 as toneladas movidas neste mes, case 6.000 máis que en agosto de 2008, cando se estableceu o anterior máximo mensual de movemento de mercadorías no porto, con 144.575 toneladas.
Esta é tamén a primeira ocasión na que o porto de Vilagarcía move máis de 150.000 toneladas nun mes.
No cómputo anual, entre xaneiro e agosto contabilízanse máis de 800.000 toneladas de mercadoría movidas a través dos peiraos do porto arousán, cifra un 8,87% superior á do mesmo período do pasado ano.
Graneis líquidos e mercadoría xeral sitúanse en cifras similares ás do pasado exercicio, mentres que o maior incremento rexístrase no apartado de graneis sólidos, categoría na que a peche de agosto contabilízanse case 80.000 toneladas máis, o que equivale a un incremento porcentual do 41%.
A mercadoría xeral, con 402.703 toneladas, continúa supoñendo aproximadamente o 50% dos tráficos totais do porto de Vilagarcía, destacando o incremento no movemento de mercadoría contenerizada a través da liña regular da compañía Boluda que enlaza o porto de Vilagarcía con Bilbao, Lisboa e as Illas Canarias. O número de TEUS movidos ata agosto foi de 23.532, un 7,15% máis que nos oito primeiros meses do pasado ano.
No apartado de graneis líquidos as cifras son moi similares ás do pasado ano, cun total de 130.000 toneladas de mercadoría movidas entre xaneiro e agosto, o que representa un 16% do total de tráficos portuarios. O aceite é o produto que máis incrementa os seus tráficos nesta categoría, cun aumento do 25% con relación ao ano anterior.
Pola súa banda, os graneis sólidos supoñen ata agosto o 34% dos tráficos portuarios, rozándose a cifra de 268.000 toneladas. Nesta categoría destaca o incremento no movemento de cuarzo, que se consolida entre os tráficos habituais do porto arousán, e a recuperación en dous produtos que repuntan nas súas cifras, como son o cereal e o cemento por instalación especial, con subidas nos dous casos por encima do 30%.
A presidenta da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Sagrario Franco, apuntou que as cifras poñen de manifesto a competencia do porto para a xestión de todo tipo de cargas (graneis sólidos, graneis líquidos e mercadoría xeral, incluída a de contedores), grazas á estreita colaboración entre Autoridade Portuaria e as empresas da comunidade portuaria, que facilita un achegamento global aos retos loxísticos que se lle expoñen.
Franco destacou o importante papel do porto de Vilagarcía para os procesos loxísticos das empresas da contorna, favorecendo a súa competitividade, o cal contribúe á puxanza da economía da cidade e da súa comarca e reforza a importancia de Vilagarcía entre as principais poboacións de Galicia.