O 16 de decembro será o congreso provincial do Partido Socialista
Por Redacción
A executiva provincial do PSdeG-PSOE na súa xuntanza deste luns aprobou o calendario para poñer en marcha o proceso de renovación dos seus órganos de dirección na provincia. Por primeira vez a elección do novo secretario ou secretaria xeral farase polo sistema de primarias, tal e como se recolle na nova normativa aprobada tras o último congreso federal do PSOE.
As primarias serán o domingo día tres de decembro e o congreso no que se ratificará o novo secretario ou secretaria provincial e a nova executiva quedou fixado para o 16 de decembro.
O calendario, aprobado na executiva provincial e que terá que ser ratificado no comité provincial do próximo día 20 de setembro, contempla entre os días 2 e 3 de novembro o prazo para a presentación das precandidaturas á secretaría xeral. O proceso de recollida de avais, necesario para presentar a candidatura está establecido entre o día 6 e 16 de novembro.
Como é normal nos procesos de primarias os candidatos poderán facer unha campaña de información aos militantes entre o 21 de novembro e o 2 de decembro. Os militantes celebrarán a votación para a elección do novo secretario ou secretaria xeral o domingo día 3 de decembro.
As agrupacións locais de toda a provincia deberán celebrar entre o día 11 e o 14 de decembro as respectivas asembleas locais para a elección dos delegados ao congreso provincial, que representarán aos preto de tres mil militantes da provincia, e as emendas ao relatorio marco.
O proceso concluirá coa celebración do congreso provincial o sábado día 16 onde se ratificará ao secretario ou secretaria xeral e se elixirá á nova executiva provincial.