A universidade quere poñer en movemento ao alumnado
Por Redacción
A área de Benestar, Saúde e Deporte da universidade propón no campus pontevedrés unha serie de servizos e actividades que desde inicios de mes manteñen aberta a súa inscrición.
Ademais de ligas internas ou dos centros deportivos colaboradores, a área organiza por segundo curso unha serie de actividades dirixidas gratuítas para os usuarios dos abonos Muver e Ponte en Forma, que, con motivo da conmemoración da Semana Europea do Deporte, estarán abertas á participación de calquera membro da comunidade universitaria entre os días 18 e 30 deste mes.
Trátase, de cross training, unha serie de exercicios de resistencia, forza e flexibilidade; ciclo indoor, unha actividade de bicicleta estática con coreogarfías; pilates e ioga, a novidade no presente curso. Con inscrición gratuíta para aboados a través da plataforma Deporxest, todas elas contarán con dúas sesións semanais, ás que hai que sumar tamén as diferentes sesións de fitness express que se desenvolverán en cada xornada no ximnasio do Pavillón Universitario.
Máis de 400 persoas empregaron o pasado curso este abono ao que hai que sumar o Ponte en Forma, que engade a estas opcións unha valoración médico-deportiva ao inicio e final do curso e un plan de exercicio físico personalizado personalizado.