Moreira repartirá 7.000 exemplares a pé de rúa dun xornal promocional
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Cinco dos representantes do grupo municipal do Partido Popular, encabezados por Jacobo Moreira, presentaban este xoves 'Imaxina Pontevedra', un xornal promocional no que se recollen as propostas do PP e critícase o labor do goberno de Miguel Anxo Fernández Lores.
Jacobo Moreira sinalou que se editaron 7.000 exemplares que serán repartidos, a partir dos próximos días, polas rúas da cidade e nas parroquias do rural. Será unha entrega "a pé de rúa" para atender as demanadas dos cidadáns.
Segundo explicou Moreira, este xornal proporciona información sobre as obras realizadas a través do Goberno central e da Xunta de Galicia como a A-57, as melloras en Bora-Mourente, o Nó do Pino, o Eixo Atlántico de alta velocidade ou o proxecto do Gran Montecelo.
Ademais móstranse as iniciativas dos populares como a normativa para lombos, a petición de actualizar as ordenanzas, a petición de regular os veladores e unha maior implicación do goberno local en gasto social.
Moreira indica que se trata dunha nova canle para conectar cos veciños nun período non electoral. Nesta publicación os populares queren reflectir "a Pontevedra que temos, fronte á Pontevedra que queremos ter". O portavoz do PP indicou que despois desta primeira edición haberá novas entregas.