Marín e Indonesia, unidos pola Escola Naval Militar
Por Redacción
Os cadetes da Mariña de Guerra de Indonesia embarcados no veleiro KRI Bima Suci visitaron este venres as instalacións da Escola Naval Militar de Marín.
O buque escola indonesio recalou no porto de Vigo o pasado día 12, onde o recibiu oficialmente o Xefe do Estado Maior da Mariña de Guerra deste país tras ser botado no estaleiro vigués Freire Shipyards.
En Marín os cadetes invitados foron acompañados por oficiais e alumnos da Escola Naval para comprobar en primeira persoa o seu funcionamento diario, realizando un percorrido polas diversas instalacións onde se forman os futuros oficiais da Armada española, como son o simulador de navegación, a biblioteca académica, os cuarteis de alumnos, o veleiro de instrución 'Peregrina', o laboratorio do centro universitario, o pañol histórico e as lanchas de instrución.
Pola súa banda unha delegación de mandos da Mariña de Guerra de Indonesia, entre os que figuraba o Comodoro Xefe da Delegación e o Comandante do veleiro, recibiron a benvida do comandante-director e o subdirector xefe de estudos da Escola Naval Militar.
O Bima Suci, con capacidade para aloxar a 200 persoas dos cales 120 son cadetes en formación, partirá o vindeiro luns 18 de setembro cara ao porto de Surabaya.