O campus impulsa unha aula permanente de música tradicional
Por Redacción
A área de Extensión Cultural do campus de Pontevedra impulsa unha Aula Permanente de Música Tradicional Galega, que mantén aberto o seu período de inscrición. Así mesmo, co propósito de ampliar a oferta formativa reunida na programación de obradoiros para este outono, a vicerreitoría suma a estas actividades novas edicións dos talleres de locución audiovisual, oratoria e comisariado artístico.
Trátase, como explica o responsable da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, de catro actividades abertas tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, cun prezo de 26 euros para o primeiro colectivo e de 40 para o público en xeral, os mesmos que terá en cada cuadrimestre unha aula permanente que desenvolverá as súas sesións, a partires do 4 de outubro, na Escola de Enxeñaría Forestal.
O curso de Locución Audiovisual será impartido pola xornalista e actriz de dobraxe Maika Aguado e se desenvolverá entre o 3 o 23 de outubro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Neste mesmo centro terá lugar, entre o 9 de outuburo e o 29 de novembro, unha nova edición de Fala, oratoria e comunicación. O experto en clown Alberto Rossel é o encargado de impartir un curso que a través de xogos e dinámicas grupais busca dotar ao alumnado de ferramentas para aumentar a seguridade persoal á hora de falar en público, o seu control emocional ou o recoñecemento da linguaxe non verbal.
Por último, do 16 de outubro ao 14 de novembro desenvolverase na Casa das Campás o curso Comisariado e estratexias para artistas, dirixido a achegar ao alumnado aos diferentes ámbitos de traballo do comisariado e xestión de exposicións e impartido pola artista e alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes Rocío Osorio e o director da produtora de arte contemporánea Latamuda, Francisco Porto.
A inscrición nestas iniciativas pode realizarse na plataforma Culturxest, onde tamén permanece aberta a matrícula nos obradoiros Iniciación á escalada en rocódromo e no Taller de Ecopercusión.