Oito anos de abandono do "edificio pantasma" da Casa da Quintán

Por Redacción
A Casa da Quintán, o chalé indiano cedido por unha familia de Ponte Caldelas para a súa conversión nun centro asistencial público, cumpriu os oito anos no máis absoluto dos abandonos. Despois dun investimento superior ao medio millón de euros por parte da Xunta de Galicia para a súa restauración integral e o seu equipamento interior, está pechada a cal e canto, a pesar dos reiterados intentos do Concello de Ponte Caldelas de propiciar a súa entrada en funcionamento.
O Concello aprobou xa dúas mocións dirixidas á Consellería de Política Social para a integración do inmoble na rede do Consorcio Galego de Benestar. O goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) pactou o texto co grupo do Partido Popular para evitar calquera confrontación política e mesmo chegou a invitar formalmente ao conselleiro, José Manuel Rey Varela, a visitar o inmoble.
"Todos os esforzos foron inútiles" di o alcalde, Andrés Díaz, que denuncia que "o abandono só responde ao maltrato sistemático que a Xunta de Galicia dá a todo o que teña que ver con Ponte Caldelas, onde non só non se fai ningún investimento, senón que tamén se deixan botar a perder os que xa se realizaron no pasado".
Díaz lembra que a Casa da Quintán leva oito anos pechada, "seis deles con alcalde do PP, sen que este tivera movido un dedo". Tras o cambio no goberno local producido en xuño de 2015, o Concello mobilizouse para á súa apertura, pero "só recibiu a calada por resposta".
"Curiosamente, o ex alcalde é agora o xerente do Consorcio Galego de Benestar e segue sen mover un dedo en favor de Ponte Caldelas", sinala o alcalde.
Andrés Díaz considera como unha "absoluta irresponsabilidade" que se estea deixando botar a perder un edificio tan fermoso e que conta cunha ducia de camas, unha cociña, salas de lectura e usos múltiples, enfermería, recepción, ascensor e almacéns repartidos en baixo e tres andares. Hai poucos meses, explica, foi preciso acudir a pechar unha ventá que o vento abrira e hai poucas semanas fíxose unha comprobación do estado do inmoble despois de que se alertara de que alguén foi visto saltando a reixa exterior.
O goberno local denuncia que o inmoble converteuse nunha "casa pantasma abandonada pola Xunta de Galicia", onde as camas conservan a roupa e as almofadas postas e a cociña está equipada con electrodomésticos que nunca foron usados. Nas salas de lectura repousan mesas e cadeiras e na recepción, o mostrador e o casilleiro seguen agardando por uns inquilinos que nunca chegaron. O abandono é tal que hai algunhas alfombras enroladas e botes de pintura dos últimos retoques ciscados. No exterior, a maleza cubre totalmente os xardíns e as hedras comezan a colonizar muros e escaleiras.
"É algo digno de ver, parece de película", ironiza o alcalde, Andrés Díaz. "Se isto non é un despilfarro de cartos públicos xa non sei a que aplicarlle este cualificativo". O alcalde láiase da "insensibilidade desta Xunta de Galicia, que fai política espectáculo anunciando novas dotacións para maiores por toda Galicia e mesmo promete unha residencia de nova construción nun concello limítrofe, mentres se nega a abrir o que xa está construído en Ponte Caldelas".
O edificio foi donado para residencia de persoas con discapacidade psíquica, pero o Concello xa amosou a súa conformidade para que, se non se considera adecuado utilizalo para este fin, se converta nunha residencia de maiores ou se utilice para calquera outro fin social no marco da rede de centros do Consorcio Galego de Benestar.
Casa da Quintán
© Concello de Ponte Caldelas
Relacionadas:
-
O Concello e a Fundación Sálvora unen esforzos para pedir á Xunta a apertura da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
Avanza a negociación para a apertura da Casa da Quintán
Por Noelia Torres Pintos |
-
Ponte Caldelas axuda ás familias en risco de exclusión con vales para mercar produtos hixiénicos e alimentos
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas leva ata o Comisionado de Transparencia a súa denuncia de caciquismo contra a Xunta
Por Redacción |
-
Preguntan pola discriminación da Xunta a Ponte Caldelas no Parlamento
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas insiste en denunciar o abandono da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
Andrés Díaz afirma que a Xunta inviste 50 veces máis en Cotobade que en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Novo intento na busca da unanimidade para converter a Casa da Quintán en centro de día
Por Redacción |