VÍDEO.- Por San Miguel, aínda que chova, chega a Danza das Espadas a Marín
Por Diego Torrado
Marín foi este domingo fiel á tradición e volveu celebrar a festividade do patrón da localidade, San Miguel Arcanxo, coa habitual Danza das Espadas, unha das 116 festas declaradas de Interese Turístico de Galicia, e que conta con case catro séculos de historia.
A pesares da choiva que empezou a caer coincidindo coa hora da procesión e, polo tanto, da danza, os grupos do Ateneo Santa Cecilia e de Meigas e Trasnos escenificaron igualmente a tradicional danza, sempre aos pés da imaxe de San Miguel e ante a atenta mirada duns espectadores que optaron por abrigarse baixo os seus paraugas.
A danza de espadas representouse diante do palco de música da Alameda, na Praza de España, onde se queimaron as madamitas, e na praza do reloxo, á beira das esculturas, onde, ao finalizar o acto, se depositou un ramo de flores.
Organizada polo Padroado de Mareantes do Ateneo Santa Cecilia, coa colaboración do Concello de Marín, a festa incluíu, como é habitual, unha misa solemne no templo novo coa participación do coro de cámara Thalassa e o acto oficial do Padroado de Mareantes de San Miguel, coa asistencia da corporación e membros do Padroado, así como da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Veciños e visitantes gozan cada ano da Festa de San Miguel e da Danza de Espadas, que se celebran en Marín desde 1639 como proba de devoción, segundo figura no libro de contas da Confraría de Mareantes da localidade. A súa singularidade, así como o seu arraigamento e valor cultural, foron os criterios que se tiveron en conta á hora do recoñecemento oficial como Festa de Interese Turístico de Galicia en 2010.