O Catastro revisará de oficio todo o parque inmobiliario de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Detectar todas aquelas alteracións que, desde o punto de vista urbanístico, producíronse no parque inmobiliario de Pontevedra e que non foran dadas de alta. Ese é o obxectivo da revisión de oficio que a Dirección Xeral do Catastro realizará en todo o municipio durante as próximas semanas.
O portavoz do goberno local, Raimundo González, desvelou que o Catastro comunicou ao Concello que iniciará en Pontevedra o procedemento de regularización catastral que, desde 2013, leva realizando en toda España.
O órgano estatal dará de alta bens que, ata agora, non había que declarar como galpóns, reformas menores nas vivendas, peches, balcóns, terrazas, patios ou piscinas.
No caso de Pontevedra, explicou González, "debería afectar a poucas vivendas", tras as revisións realizadas nos últimos anos polo propio Concello e, en todo caso, serían "pequenas alteracións" en propiedades inmobiliarias.
O Catastro cobrará 60 euros a cada propietario que non dese de alta estas modificacións.
O Concello asesorará aos afectados se o recollido polo Catastro "non se corresponde coa realidade", para que poidan realizar as correspondentes alegacións.
Iso si, o goberno municipal confía en que esta medida cause "pouca repercusión" no municipio e que apenas afecte ao IBI que pagan os cidadáns, ao ser actuacións en vivendas que están exentas á hora de tributar.