Condenado a cinco anos de prisión por acoitelar ao seu irmán
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra condenou a cinco anos de prisión a un home por un delito de homicidio en grao de tentativa e coa agravante de parentesco por acoitelar ao seu irmán.
O xuízo estaba sinalado para este martes pero non se chegou a celebrar ao alcanzar a Fiscalía e o avogado da defensa un acordo de conformidade. Segundo confesou este martes ante o tribunal pontevedrés, o acusado Juan S.P que actuaba como gorrilla no aparcadoiro da praza de abastos de Vilagarcía de Arousa asestou ao seu irmán unha puñalada cun coitelo tras unha discusión.
O ministerio público pedía inicialmente que fora condenado a nove anos de cárcere pero en virtude do acordo alcanzado rebaixou a pena a cinco anos, admitindo a atenuante de drogadicción xa que no momento dos feitos presentaba unha síndrome de dependencia de drogas de abuso.
O tribunal emitiu sentenza nos termos acordados polas partes.
Así, considéranse feitos probados que o día 14 de xullo de 2016 sobre as dez da mañá, o procesado Juan S.P. atopábase co seu irmán José Ramón no aparcadoiro da praza de abastos de Vilagarcía de Arousa, cando tras iniciarse unha discusión entre ambos, "actuando con desprezo á vida do seu irmán, e co propósito de acabar coa mesma", asestoulle unha puñalada na zona do pescozo e cara cun coitelo de aproximadamente 10 centímetro de folla, fuxindo Juan S.P. do lugar e pedindo auxilio na comisaría de Policía próxima ao lugar no que se atopaba.
O procesado atópase privado de liberdade por esta causa desde o 15 de xullo de 2016 no que se acordou a prisión provisional.