CCOO pide que se retomen as negociacións do convenio colectivo de elaborados de produtos do mar
Por Diego Espiño
O convenio colectivo a nivel estatal polo que se rexe o sector de elaborados de produtos do mar é "un dos peores convenios que hai na clase traballadora", acusa Víctor Ledo, secretario xeral da Federación de Industria de Comisións Obreiras.
É por iso que o sindicato pide retomar as negociacións que quedaron estacandas antes do verán para un novo acordo colectivo que substitúa ao caducado en decembro de 2015.
Estas negociacións afectan directamente a preto de 1.500 traballadores e traballadoras en toda España, dos cales un milleiro teñen o seu emprego na provincia de Pontevedra.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes en Pontevedra os representates do sindicato anunciaron a súa intención de pactar coas organizacións de UXT e CIG unha "proposta unitaria" que enviar á Asociación Nacional de Industrias de Elaboración e Produtos do Mar (ANIE).
O obxectivo pasa por mellorar notablemente as condicións laborais dun convenio que "atenta contra a diginidade das persoas", acusou Ledo.
Ademais de reclamar á patronal a posta en marcha dunha mesa negociadora e un incremento salarial do 7,6% repartido nos tres anos de duración do novo convenio, CCOO explicou que entre as principais demandas atópanse a limitación do modelo de contratación a través de empresas de traballo temporal para que a porcentaxe de persoal con contrato indefinido non sexa inferior ao 60% do total do plantel.
Outras das reclamacións do sector correspóndense co complemento por traballo en horas nocturnas ou os permisos retribuídos.