Denuncian que máis de 40 pacientes están á espera de cama en Montecelo
Por Redacción
O colectivo de representación de traballadores Prosagal denuncia que a xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra está a anunciar a traballadores das unidades de Pneumoloxía e Medicina Interna que o seu servizo non abrirá nas condicións acordadas previamente.
Carolina Iñarrae, portavoz de Prosagal, sinala que a xerencia se había comprometido o 11 de maio ante a Xunta de Persoal a que as camas que se pechaban en pneumoloxía e en medicina interna abriríanse o 1 de outubro. Segundo denuncia, a xerencia está a chamar agora ao persoal para ofrecerlle o desempeño do seu traballo noutras unidades distintas.
Desde o colectivo sindical este cambio está a acometerse sen tempo para que o persoal afectado poida formarse e informarse adecuadamente sobre as actividades que terán que desenvolver no novo servizo. Ademais, estas modificacións supoñen un cambio na cadencia de quendas provocando prexuízo aos traballadores.
Segundo indican desde Prosagal, no Hospital Montecelo hai 22 pacientes a cargo de pneumoloxía pendentes de cama na súa unidade e a xerencia mantén 10 camas pechadas. En medicina interna son 19 os pacientes que esperan unha cama. Estes afectados atópanse no servizo de urxencias ou noutras unidades que non se corresponden coa súa patoloxía.
Esta agrupación denuncia tamén a práctica de "peonadas", intervencións cirúrxicas fose do parte ordinario, a pesar de que non se aseguran camas cirúrxicas libres para estes pacientes. Carolina Iñarrae indica que se está pagando máis por esta actividade extraordinaria cando se puido realizar ao longo do verán.
Esta situación provoca unha diminución da calidade asistencial que afecta tanto os pacientes como ao persoal dos hospitais públicos de Pontevedra, segundo apuntan desde Prosagal.
Relacionadas:
-
CIG-Saúde denuncia que as peonadas aumentan nos Hospitais públicos de Pontevedra
Por Redacción |
-
Advirten de que a prolongación do peche de camas redunda na calidade asistencial
Por Oskar Viéitez |
-
Prosagal convoca concentracións nos hospitais de Pontevedra para reclamar a reapertura de camas
Por Redacción |
-
Prosagal denuncia saturación en Urxencias e Reanimación debido á falta de camas
Por Redacción |