Unha nova glorieta mellorará a seguridade na intersección da EP-8001 co acceso á autoestrada
Por Redacción
O servizo de Mobilidade da Deputación vai iniciar de xeito inminente os estudos técnicos e o proxecto para instalar unha nova glorieta na intersección entre a estrada provincial EP-8001 e o acceso á autoestrada en Caldas de Reis. Así llo comunicaron este martes ao alcalde, Juan Manuel Rey, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez.
Benítez destacou que a nova glorieta satisfará as demandas de mellora de mobilidade para empresas e industrias da zona, así como tamén as demandas de seguridade viaria da veciñanza "para un punto tan crítico".
O nacionalista insistiu en que a actuación será consensuada co concello para desenvolver a visión urbanística e empresarial municipal e apuntou que as obras -se todos os trámites saen conforme ao previsto- poderán iniciarse o vindeiro ano.
O anuncio da nova infraestrutura foi realizado por Silva e Benítez tras a visita á empresa de elaboración alimentaria Clavo Food Factory. Esta firma, segundo manifestou o alcalde, é un claro exemplo dunha empresa que pretetende ampliar a súa actividade no Concello de Caldas e que precisa que se melloren as infraestruturas viarias.
Pola súa banda, o alcalde tamén mostrou a súa satisfacción porque a empresa manteña o seu compromiso de seguir crecendo en Caldas.