A veciñanza da rúa Carlos Casas traslada as súas demandas ao concello
Por Redacción
Este martes o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín e o concelleiro de infraestruturas, Daniel Fernández, mantiveron unha reunión cos veciños da rúa Carlos Casas e demais rúas adxacentes da zona, para coñecer de primeira man as súas peticións e buscar posibles solucións co consenso de todos os veciños.
En primeiro lugar, comprobouse o estado do pintado das prazas de aparcadoiro que se realizou á chegada do novo goberno e valorouse a posibilidade de pintar algunha praza máis onde sexa posible, xa que os veciños reclaman unha solución aos problemas de aparcadoiro e circulación na zona.
Antes de tomar medidas que poñan fin ás inquietudes dos veciños, o goberno local estudará a viabilidade de todas as propostas e achegas presentadas, polo que as decisións que se tomen daranse a coñecer nunha futura reunión cos veciños.