A praia de Montalvo fusiona longboard e o rock
Por Redacción
Os días 29, 30 de setembro e 1 de outubro terá lugar, na praia de Montalvo e no restaurante Kannion Surf, a terceira edición de Rock & Long, un festival que fusiona o longboard e o rock.
O primeiro día, o venres, será a recepción e montaxe de casetas de shapers galegos, que expoñerán os seus traballos durante toda a fin de semana e ás 19.30 horas presentarase o festival e as distintas mangas de competición do campionato. O venres termina con concerto de Santos Morcegos e dos Lombardi a partir das 21.30 horas, en Kannion Surf.
O sábado será o día grande do evento, co check in na praia ás 9.00 horas para dar comezo ás sucesivas probas da competición. Pola tarde, ás 20.00 horas será a entrega de premios e o día terminará cun concerto de Read Wood e True Mountain.
Como en edicións anteriores o evento ten unha parte benéfica, e este ano parte da recadación, ademais da caseta que instalarán, irá destinada á Asociación Neen@s. Unha asociación de Sanxenxo sen fins lucrativos destinada ao apoio e ao traballo con nenos con Necesidades Específicas de Apoio Educativo. Ademais, nenos desta asociación poderán participar o domingo, ás 10.00 horas nun bautismo de surf na praia de Montalvo.
O domingo pola mañá farase tamén un test de táboas antes de concluír ás 13.00 horas cunha sesión vermut amenizada polo grupo Family Folks.
O prezo para a inscrición na competición é de 20 euros e espérase alcanzar a cifra de 60 inscritos. Esta tarifa inclúe a participación en calquera das 3 categorías, un bocadillo ao mediodía na praia e unha churrascada pola noite, así como tamén unha camiseta do festival.
Todos aqueles que queiran poden achegarse a gozar de boa música e bo ambiente sen necesidade de pagar esa inscrición.