Ponte Caldelas aproba por unanimidade pedir o cambio do mapa de emerxencias
Por Oskar Viéitez
Unanimidade no pleno do Concello de Ponte Caldelas na práctica totalidade dos asuntos contidos na orde do día.
O goberno local logrou o apoio do PP nas mocións que presentou para solicitar da Xunta de Galicia e da Deputación a modificación urxente do mapa de emerxencias, co fin de acabar coa zona de sombra neste municipio, e para solicitar da Consellería de Educación a colaboración necesaria para dotar ao colexio da Reigosa dun ximnasio "digno" e de comedor escolar.
O pleno, ao que asistiron membros da ANPA da Reigosa, tamén aprobou o proxecto que o Concello presentará ao plan de axudas a proxectos singulares que vén de convocar a Deputación Provincial e ao que Ponte Caldelas concorre cunha humanización da praza de España valorada nuns 360.000 euros.
O asunto saíu adiante cos votos do goberno local e a abstención do PP, a única nunha sesión marcada pola unanimidade. O Partido Popular entende que esta obra non é prioritaria, e que se tiña que presentar a renovación do césped artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia acompañada dun proxecto de eficiencia enerxética para todas as intalacións deportivas municipais.
Finalmente, o pleno aprobou unha declaración institucional polo 25-N, Día contra a Violencia sobre a Muller, así como a dotación da praza de tesoureiro compartida cos concellos de Cerdedo-Cotobade e Vilaboa.