Cerdedo-Cotobade acolle o inicio das xornadas sobre teleasistencia domiciliaria
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra comeza este martes 3 de outubro, ás 18.30 horas na Casa do Concello de Cerdedo-Cotobade, en Carballedo, as sesións informativas sobre o servizo de teleasistencia domiciliaria.
Estas charlas ofrecerán información aos veciños sobre a importancia para previr situacións de risco. Ata o momento xa se apuntaron a este servizo 14 concellos da provincia, entre os que se atopan Barro, Cambados, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, O Grove, Meis, Ribadumia e Sanxenxo.
Este servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación ampara nestes momentos a un total de 465 persoas, das que un 75% son mulleres. A iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con seguridade.
Ante unha situación de emerxencia só teñen que pulsar un botón e os usuarios reciben asistencia inmediata, durante as 24 horas do día e durante todos os días do ano. Para esta actuación emprégase un terminal asociado á liña telefónica que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, de maneira similiar a un sistema de "mans libres".
Desta forma aténdense casos de angustia, soidade ou accidentes domésticos. Tamén se xestionan axendas para lembrar á persoa usuaria datos sobre a toma de mediación ou a realización de actividades, ademais desde este servizo realízase un seguimento con chamadas permanentes a estes domicilios. A proposta complétase con visitas regulares para acompañar a estas persoas que viven soas.