Un incidente de madrugada nas festas de Marcón obriga a intervir á Policía
Por Redacción
Tres patrullas da Policía Nacional desprazáronse na madrugada do sábado ao domingo ao recinto das festas da parroquia de Marcón, onde se celebraba unha verbena, ante a chamada cidadá que solicitaba a súa intervención por un incidente entre dous grupos de persoas. Finalmente, todo solucionouse con presenza policial, non foi necesario que os axentes identificasen nin detivesen a ninguén e o ocorrido non derivou en ningunha denuncia.
Fontes veciñais indicaron que todo ocorreu sobre as 2.30 horas da madrugada e tivo como orixe a acción dunha persoa que esnaquizou as alfombras florais confeccionadas no recinto da igrexa para a procesión de San Miguel, patrón da parroquia. Os actos relixiosos estaban previstos para a mañá do domingo, de modo que de madrugada as alfombras xa estaban terminadas.
O incidente resulta bastante confuso en canto ás distintas versións do ocorrido, pero no que coinciden todas as fontes é en que había un grupo de persoas na contorna da igrexa e unha delas circulou en moto sobre as alfombras e esnaquizounas.
Por mor desta acción, outro grupo de persoas recriminoulle o que fixera e que botase por terra o esforzo das persoas encargadas de confeccionar o adorno floral. Nese momento, produciuse un incidente con dous bandos separados no que algúns apuntan a que mesmo os dunha parte golpearon un dos opoñentes, aínda que PontevedraViva non puido confimar quen foi a persoa golpeada. Non requiriu asistencia médica.
Tras o ocorrido, alertaron á Policía Nacional e desprazáronse ao lugar tres patrullas, que se entrevistaron con varios veciños. Fontes oficiais da Comisaría indicaron que, á súa chegada, non había ningún incidente xa e ningún dos presentes quixo presentar denuncia.
A pesar de que finalmente o ocorrido non implicou ningunha denuncia, si foi o tema de conversa da madrugada e da sesión festiva do domingo.