O PP pedirá en pleno que o BNG "dea a cara" ante os veciños de Mourente e as súas peticións
Por Redacción
O grupo municipal do PP de Pontevdra presentará unha moción para o seu debate no próximo pleno da corporación para reclamar que "o BNG de a cara" ante os veciños de Mourente e as súas reivindicacións de contar con conexión á traída de auga para o lugar de Laxiñas-Areais.
A concelleira 'popular' María José Rodríguez Teso desprazouse este martes ata Mourente a petición dos veciños deste lugar co obxectivo de escoitar as súas inquedanzas, despois de que o goberno local "desoia as súas reclamacións" e, ao remate da visita, anunciou que presentará unha moción.
Despois do encontro, o PP explicou a través dun comunicado que os veciños deste núcleo de Mourente levan anos solicitando a conexión á traída de auga, pero "desde o Concello fan oídos xordos a estas peticións". Consideran que esta actitude é un "menosprezo continuo" do goberno local do BNG e, á vista do mesmo, presentaron por rexistro máis de 80 firmas volvendo a demandar este servizo básico.
Esas sinaturas presentáronse en febreiro e "tan só recibiron como resposta un escrito formal no que se lles aconsellaba que, se pasados tres meses, non obtiñan resposta algunha, deberían dirixirse á Comisión especial de Suxestións e Reclamacións". Ademais, aseguran que solicitan reunións co concelleiro delegado desta zona e non reciben resposta; solicitan entrevista co alcalde e tampouco reciben resposta.
Rodríguez Teso explicou que o pasado mes de setembro os veciños volveron presentar outra petición que "previsiblemente terá o mesmo resultado que todas as anteriores". Na súa opinión, "é lamentable a actitude do BNG, non só non escoita aos veciños, senón que tampouco se dignan a contestar as súas peticións formais".