Ponte Caldelas prepara o novo contrato do servizo de recollida de lixo
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Ponte Caldelas quere que o municipio dispoña dunha nova empresa de recollida de lixo antes do próximo verán. O tripartito apura a redacción dos pregos de condicións que rexerán a licitación e a redacción do contrato da futura concesionaria durante os próximos 10 anos.
O prego, que está a redactar a consultora especializada Idom, está moi avanzado unha vez incorporadas todas as directrices que o goberno local está a dar para que o novo contrato sexa "modélico, perfectamente acaído ás necesidades de Ponte Caldelas" e, sobre todo, solucione as múltiples deficiencias do actual, que remata o próximo mes de novembro e que foi adxudicado polo anterior equipo de goberno en 2007.
O calendario que se baralla apunta a que na primavera poderían estar xa os novos colectores de lixo na rúa e o actual servizo, limitado á recollida, ampliado con prestacións novas, entre elas a desratización e o tratamento contra a lexionela en varias instalacións municipais.
O novo contrato detallará as obrigas da empresa, así como eventuais penalizacións. Ademais, estúdase a contratación dunha auditora externa que sería a encargada de avaliar periodicamente este cumprimento, dando así pé e fundamento ás sancións municipais cando sexa necesario.
A decisión política do goberno local é "impulsar a dignidade laboral do cadro de persoal", obrigando á nova concesionaria a subir os actuais salarios, que oscilan ao redor dos 800 euros, "ata os 1.200 euros mensuais", en liña cos convenios aplicables.
Tamén está decidido que se mantén a periodicidade da recollida (diaria no centro e cada dous días no rural) e que haberá non só unha renovación total do parque de colectores de lixo, senón unha ampliación do seu número, especialmente nos de recollida selectiva.
O importe final do contrato dependerá moito das ofertas que presenten as empresas licitadoras, aínda que haberá cláusula contra baixas temerarias. O actual contrato supón un custo anual duns 300.000 euros, sumando a cota de Sogama, e a idea é chegar unha cifra semellante, sen ter en conta o custo dos novos servizos nin das cláusulas que se pretenden introducir para incentivar as melloras.