55.000 euros anuais irán destinados ás ludotecas de verán e nadal da Fanpa
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou co presidente da FANPA (Federación de Asociacións de Nais e Pais) de centros públicos de Pontevedra, Rogelio Carballo, o convenio para desenvolver un programa de actividades educativas no verán e no nadal a través de ludotecas.
Este acordo ten unha duración de catro anos e conta cun orzamento anual de 45.000 euros para as ludotecas de verán e 10.000 para as das festas do Nadal.
Polo menos, 1.200 escolares poderán gozar destas propostas nas que están previstas un 10% das prazas para menores derivados polos servizos sociais do Concello.
Este programa de ludotecas diríxese a escolares de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos nas que se combinan actividades de lecer con outras educativas, creativas e de convivencia.
A proposta establece dúas escolas de verán urbanas no centro da cidade, catro escolas de verán nas parroquias do rural, unha escola urbana de Nadal e unha escola urbana de inglés no verán.