A Garda Civil detén o presunto autor dunha trintena de roubos en interior de vehículos no Grove
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo un veciño do Grove, A.A.T., de 44 anos, como suposto autor de algo máis dunha trintena de roubos e furtos cometidos durante os anos 2016 e 2017 en vehículos estacionados na vía pública e en distintos garaxes da localidade.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, as investigacións levadas a cabo por efectivos do posto da Garda Civil do Grove relacionan a esta persoa con 23 roubos e 8 furtos de efectos en interior de vehículos, ademais dun delito de danos materiais causados na tentativa de roubo noutro vehículo.
Despois dun laborioso labor de investigación, debido ás especiais medidas de seguridade e precaucións que adoptaba para levar a cabo os roubos, púidose estreitar o cerco policial cando se detectou que o principal sospeitoso dispoñía do mando de apertura do garaxe dun céntrico edifico da vila, que atopara no interior dun dos coches.
Cos datos achegados polas cámaras de vídeo vixilancia do garaxe, ao que entraba co mando a distancia, a Garda Civil puido identificar á persoa que aparecía nas gravacións, á que coñecían perfectamente porque xa fora investigada por outros feitos delituosos.
Tiña un amplo historial delituoso nun país estranxeiro por feitos similares
En todos os casos investigados, o modus operandi era practicamente o mesmo: as súas zonas de actuación estaban no Grove e a illa da Toxa e a súa prioridade eran os vehículos estacionados nos garaxes das comunidades de veciños aos que accedía sen ocasionar danos nas fechaduras, iso indica que, ou ben aproveitaba a entrada ou saída dalgún vehículo, ou ben dispoñía das chaves do garaxe.
Ademais, a Garda Civil tamén relaciona a esta persoa con outro importante número de roubos e furtos en vehículos estacionados nas rúas contiguas ao seu domicilio.
Actuaba indistintamente a calquera hora do día ou da madrugada e para entrar nos vehículos, nalgúns casos fracturaba ou forzaba o portelo e noutros violentaba a fechadura dunha das portas.
Esta persoa, que finalmente foi localizada e detida por un delito continuado de roubo e furto en interior de vehículos, aínda que carecía de antecedentes policiais en España, tiña un amplo historial delituoso nun país estranxeiro por feitos similares, desde 2003 ao 2013.
O detido, que foi posto en liberdade unha vez que prestou declaración no cuartel da Garda Civil do Grove, deberá comparecer, cando sexa citado, no xulgado de instrución de garda de Cambados.