A Deputación de Pontevedra convoca o segundo Encontro provincial pola Inclusión
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Cohesión Social e Mocidade, Digna Rivas, presentou este martes o segundo Encontro provincial pola Inclusión que se celebrará os dúas 18 e 19 de outubro.
Esta cita, dividida nunha xornada técnica e outra máis lúdica, está encamiñada a reflexionar e resaltar o papel e o esforzo das persoas con diversidade funcional, ademais de darlle visibilidade ao traballo que diferentes entidades da provincia de Pontevedra desenvolven neste ámbito.
O encontro esta deseñado como un "espazo de aprendizaxe, intercambio e inspiración" que pretende promover a igualdade e a inclusión das persoas con calquera tipo de diversidade funcional. O obxectivo tamén é expoñer "novas formas de participación, co obxectivo final de conseguir unha provincia inclusiva e diversa e de dar voz a todas as persoas", sinalou Carmela Silva.
Segundo os últimos datos da base estatal de datos de persoas con discapacidade elaborada anualmente polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) na provincia de Pontevedra hai unhas 50.000 persoas con algún tipo de diversidade funcional, unha cifra que ascende ata as 125.000 persoas en Galicia e un total de 3 millóns en España.
Pontevedra, cun 5,12%, é a provincia galega cunha maior porcentaxe de persoas con algún tipo de diversidade funcional fronte ao 5,07% da Coruña, ao 3,07% de Ourense e ao 2,74% de Lugo. A media galega atópase nun 4,56%.
O encontro provincial, que leva por lema "Unha madeixa de Inclusión", está dividido en dúas xornadas ben diferenciadas.
A xornada técnica, que se desenvolverá no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, está destinada a traballadores e educadores sociais, persoal técnico das entidades de iniciativa social e sociosanitaria, tamén das áreas de Mobilidade, Urbanismo e Obras dos concellos, e profesionais do ámbito dos recursos humanos, orientadores laborais, de entidades relacionadas, así como persoas con interese en estratexias de inclusión, sensibilización e diversidade.
Está programadas dous relatorios: do sociólogo Antonio Jiménez Lara sobre "Vida independente, unha cuestión de dereitos humanos" e outra conferencia do coach deportivo Joaquín Dosil sobre a "Resiliencia: Adversidade como oportunidade". Ademais haberá unha mesa redonda sobre a "Vida independente" e outras dúas mesas máis sobre o "Desenvolvemento profesional e con diversidade funcional" e "As mulleres con diversidade funcional. Integración laboral e social".
En canto á xornada de convivencia, terá lugar o xoves 19 no pavillón da Cidade infantil Príncipe Felipe, e diríxese a persoas relacionadas con organizacións e entidades que desenvolvan o seu labor no ámbito da inclusión e da igualdade, así como familias e público xeral. Contará con exposicións fotográficas, talleres artesanais, vídeo fórum e espectáculos.