Numerosas persoas colaboran na recollida de alimentos en Vilagarcía "polos + peques"
Por Aitana Vidal
Vilagarcía acolleu a campaña que Cruz Vermella e Eroski puxeron en marcha para axudar a familias con nenos que están a atravesar situacións complicadas por culpa da crise. Baixo o lema Faino polos + peques!, as persoas que se achegaron polo supermercado da cadea trasladaron lotes de produtos de alimentación e hixiene infantil para doalos a esta campaña a través dos voluntarios que participaron nesta iniciativa.
Os clientes doaron todo tipo de produtos dende cereais para biberón, leite de continuación, potitos, cueiros, toalliñas húmidas, colonia ou xabón de baño.
Tras esta fase de recollida vanse preparar uns lotes que se entregarán a familias con bebés e con nenos pequenos de ata 3 anos que son usuarios dentro destes proxectos da Cruz Vermella. A organización desenvolve dende principios de ano unha campaña que ten como finalidade proporcionar produtos específicos para a infancia a familias con escasos recursos.