O Concello de Pontevedra, en prealerta ante os posibles efectos do furacán Ofelia
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra atópase en situación de prealerta ante os posibles efectos do furacán Ofelia. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) emitiu un aviso especial polos fenómenos adversos deste furacán, que podería provocar ventos de forza 9 e 10 na zona marítima de Finisterre e de forza 7 na costa atlántica galega.
Ofelia pasará lonxe de Galicia e debilitado, segundo as últimas previsións meteorolóxicas. Iso non significa que non poida producir efectos aos que haxa que prestar atención.
A concelleira de seguridade cidadá do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, xa falou co intendente da Policía Local, Daniel Macenlle que é o encargado de coordinar todo o protocolo de emerxencias e que esta mesma mañá, despois de reunirse co xefe de Bombeiros, púxose en contacto coa Xunta de Galicia para coñecer as súas previsións para "pre alertar" a todos os servizos por se na madrugada do domingo o temporal ten a magnitude que algunhas das previsións indican.
Pola súa banda, Carme da Silva ante a situación meteorolóxica de alerta por vento recomenda aos cidadáns que "teñan prudencia" e extremen as medidas de precaución asegurando os toldos e todos os elementos que se poidan atopar en balcóns, terrazas e zonas exteriores dos edificios, que se evite deixar macetas ou outros obxectos non estáticos nas fachadas e terrazas e recoller a roupa de tendederos para evitar que o vento os poida facer caer á rúa e provocar un accidente.
En resumo "que en todo momento sigan as indicacións dos servizos de emerxencia", apuntou Carme da Silva.
Pola súa banda, o Concello vixiará a iluminación das rúas, as motos e os coches aparcados, os guindastres, os colectores de lixo, o arboledo e todo o que o vento poida facer caer.