Extraen 200 quilos de lixo na zona enlodada das marismas de Alba
Por Redacción
Técnicos do departamento municipal de Medio Ambiente Natural desenvolveron durante os últimos días un traballo de limpeza do fondo das marismas do Espazo de Interese Local da Xunqueira de Alba. Segundo informan desde este departamento que dirixe o concelleiro Alberto Oubiña, a seca deixou o fondo das marismas ao descuberto ante a falta de auga e aproveitouse para realizar unha limpeza da zona.
A través do uso de pértegas, os operarios lograron sacar ao redor de 200 quilos de lixo do lodo.
Segundo informan desde o Concello de Pontevedra, desenterrar os residuos está a resultar un traballo de limpeza difícil debido a que é necesario extremar as precaucións para garantir a seguridade dos traballadores xa que se se afundisen nesta zona poderían quedar atrapados nas marismas.
Plásticos, botellas, caixas e restos de cables son os materiais máis habituais pero tamén se atopou parte dun sofá e cadeiras de plástico, rodas, capachos con restos de obra e mesmo un cortacéspede. Días atrás, integrantes da Coordinadora Aecam Galicia Animais del mundo rescataron un mergullón pequeno que quedara atrapado neste espazo.
Tamén se está acometendo a roza e a limpeza da canle de alimentación da marisma que discorre pola Illa das Esculturas (Illa do Covo), case paralela ás instalacións deportivas da Xunqueira. Esta canle conta cunha comunicación mergullada coa marisma e coas mareas énchese de auga e tamén poden concentrarse residuos.