Sanxenxo planifica xa melloras nas súas praias pensando no próximo verán
Por Redacción
Para ter as praias en bo estado cando comece a próxima tempada de verán hai que poñerse a traballar xa, sen perder tempo.
É polo menos o que pensa o Concello de Sanxenxo, que xa planifica as melloras que quere acometer nos seus areais para tentar mellorar os servizos que ofreza aos bañitas.
O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Antonio Deza, está a reunirse estas semanas cos diferentes axentes que interveñen na planificación da tempada de praias, o que pasa desde o control da calidade das augas de baño e a documentación para a solicitude de bandeiras azuis ata os provedores dos equipamentos nos areais.
Unha das prioridades para o verán de 2018, explica o goberno local, será a substitución ou reparación dos módulos de salvamento dos socorristas. Está previsto dotar ás praias de Paxariñas, Bascuas e Pragueira de novos módulos. Ademais, hai que reparar ou renovar o exterior (paredes, portas e teitos) doutros nove módulos das praias de Areas, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Major, Foxos, A Lapa e A Lanzada.
A concellería tamén ten previsto adquirir tres novos módulos fixos de baños para as praias de Paxariñas, Bascuas e A Lanzada-Espiñeiro, 18 lavapés, un posto de salvamento para a praia de Montalvo, catro novas cadeiras anfibias, dous desfibriladores, 14 postes para dotar de megafonía ás praias e material para a sinalización das dunas e os espazos protexidos nas contornas das praias.
Por outra banda hai dúas praias nas que é necesario habilitar novos colectores. É o caso de Nanín, para evitar verteduras que están a prexudicar a calidade das augas, e de Caneliñas para prolongar o colector de recollida das augas de pluviais.
Outra das prioridades, aínda que para iso necesitará a colaboración de Costas, céntrase en tentar acondicionar o aparcadoiro da praia da Lanzada, que se atopa en malas condicións.
Por último na contorna da praia de Baltar, en Portonovo, está previsto rexenerar as dunas coa eliminación de plantas invasoras.
Relacionadas:
-
Guerra contra as especies exóticas invasoras en Baltar
Por Redacción |
-
Sanxenxo sobe o soldo dos socorristas e adianta o proceso de selección
Por Redacción |
-
Seis praias de Sanxenxo contarán con novos módulos de salvamento e aseos
Por Redacción |
-
Vilagarcía solicita á Xunta a contratación de 12 socorristas para a temporada de praias
Por Redacción |
-
As praias de Sanxenxo obteñen a máxima puntuación na calidade das súas augas
Por Redacción |
-
Sanxenxo amplía a sinalización das praias do municipio
Por Diego Espiño |