A delegación da Xunta en Campolongo conta cun novo servizo de apoio ás familias en risco de desafiuzamento
Por Redacción
O secretario territorial da Xunta en Pontevedra, Ramón Pereiro, acompañado da xefa territorial de Política Social na provincia, Marta Iglesias, visitou este martes o novo servizo Reconduce que se puxo en marcha na delegación de Pontevedra e que permite dar apoio ás persoas e familias en risco de desafiuzamento.
En Pontevedra abriuse unha nova sede na planta primeira do edificio administrativo da delegación da Xunta en Campolongo.
Ramón Pereiro recordou que a Xunta de Galicia puxo en marcha este programa en 2013 cun enfoque preventivo e coa finalidade de crear un marco de coordinación dos servizos das diferentes consellerías que se poñen a disposición para dar apoio ás persoas e familias en risco ou situación de desafiuzamento.
A través deste programa, a Xunta de Galicia procura dar unha resposta específica para a abordaxe destas situacións de risco de desafiuzamento mediante a prestación integrada de servizos de asesoramento xurídico e económico ás familias afectadas, que inclúe a realización de actuacións de mediación coas entidades financeiras e cos arrendadores, así como o redeseño da economía familiar, atención social específica, apoio psicolóxico, orientación laboral e, cando se reúnan os requisitos específicos, xestión da asistencia xurídica gratuíta e busca de vivenda alternativa.
O delegado territorial engadiu que a día de hoxe non hai constancia de ningún desafiuzamento de familias co expediente formado e defendido a través deste programa, o que demostra a valía desta iniciativa que dende a súa posta en marcha no ano 2013 contabilizou 451 rexistros.