Propoñen ao Concello que destine 30.000 euros do orzamento para políticas animalistas
Por Oskar Viéitez
A Asociación Animalista Libera remitiu, a través do rexistro electrónico do Concello de Pontevedra, o seu documento de suxestións para incluír no proxecto de orzamentos para 2018 que se atopa elaborando o goberno local durante estes días, co obxectivo de impulsar "políticas animalistas" no municipio.
Os animalistas propoñen ideas por valor total de 30.000 euros.
Entre elas apuntan unha convocatoria aberta de axudas a organizacións locais con 10.000 euros de orzamento, o estudo e creación de zonas de esparexemento para animais domésticos dotado con outros 10.000, dedicar 5.000 euros para campañas de sensibilización, sobre aspectos como a tenencia responsable ou a adopción, e finalmente dotar con 5.000 euros o programa de xestión ética de colonias felinas.
Dunhas contas que poderían superar os 74 millóns, os defensores dos animais consideran que as súas propostas supoñen unha "parte ínfima" da conta xeral de Pontevedra e esperan que o equipo de goberno acepte as súas suxestións.
Neste sentido, e de maneira paralela, os animalistas de Libera trasladan ao consistorio a súa intención de presionar á Xunta para que asuma a súa parte proporcional de responsabilidade, xa que a nova Lei de Benestar Animal implica unha nova delegación de competencias aos concellos, "sen que existan medidas económicas mínimas para aplicar o marco normativo con eficacia e capacidade".