Benestar Animal espera ter un censo de colonias felinas a partir da vindeira semana
Por Redacción
A Concellería de Benestar Animal, dirixida polo socialista Marcos Rey, agarda ter nas vindeiras semanas un censo das colonias felinas existentes no concello.
Para iso, a Concellería destinou un achega de 2.500 euros e así coñecer non só o número exacto de colonias de gatos silvestres e de animais que compoñen cada unha delas, senón tamén quen son as persoas concretas encargadas da súa xestión no que atinxe á manutención e coidado do estado de saúde dos felinos.
Segundo explicou Rey, é algo imprescindible por imperativo legal, "xa que a actual normativa autonómica de Protección e Benestar dos Animais de Compañía non permite a alimentación de animais abandonados vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás en situacións que poidan comprometer o benestar dos animais (é dicir, excepcionalmente)".
Por iso, a elaboración do censo a califica de "esencial" para poder outorgar estes permisos, "que se traducirán na creación duns carnés cuns códigos QR para que a Policía poida identificar con facilidade aos responsables de cada colonia concreta".
O socialista destacou que con este control sexa máis sinxelo controlar o estado e a evolución de cada colonia, e agarda que Difusión Felina poida ter o censo rematado ao longo deste mes, iniciándose a partir de aí unha planificación conxunta do CES (Captura, Esterilización e Solta) polos técnicos e as asociacións implicadas.